News

READ WORLDWIDE NEWS

José Luis Seoane Spiegelberg, presidente da RAGXEL, tivo voz protagonista no primeiro panel que profundou ao redor da “Eficiencia xudicial e democracia”

 

O PRESIDENTE DA RAGXEL E VARIOS ACADÉMICOS GALEGOS PROTAGONISTAS EN DISTINTAS MESAS DE DISCUSIÓN DO XI CONGRESO DAS ACADEMIAS XURÍDICAS DE IBEROAMÉRICA, CELEBRADO EN SANTO DOMINGO DO 23 AO 26 DE OUTUBRO DE 2025.

 

Xuristas de primeiro nivel de ambos os lados do Atlántico debateron sobre temas tan diversos como os abordados nos catro paneis principais sobre “Eficiencia xudicial e democracia”, “Arbitraxe”, a “Axenda Académica no século XXI” ou a “Intelixencia Artificial e a avogacía” e as mesas temáticas sobre “Independencia xudicial: xudicaturas electas”, ” Dereito á democracia”, “Europa, Estados Unidos e a alianza da posguerra” e “Academia ante os perfís,  valores e compromisos da avogacía emerxente”

 

Dúas mulleres académicas, a chilena Marisol Peña Torres, e a sevillana María del Amor Albert Muñoz fan historia ao entrar na Comisión Executiva da Conferencia Permanente de Academias Xurídicas Iberoamericanas (CPAJI).

 

O encontro celebrado na capital de República Dominicana serviu ademais para facer o relevo na presidencia e Comisión Executiva da CPAJI, que abandona despois de 9 anos á fronte o español Rafael Navarro-Valls, pasando a testemuña ao presidente da Academia Portorriqueña de Xurisprudencia e Lexislación, Antonio García Padilla, quen a dirixirá ata o 2028.

 

A CORUÑA, 26 de outubro de 2025.- A Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación tivo presenza e protagonismo no XI Congreso das Academias Xurídicas de Iberoamérica. Non en van, o seu presidente, o maxistrado do Supremo José Luis Seoane Spiegelberg, e varios académicos da institución, viaxaron a Santo Domingo para participar en varios dos paneis que compuxeron o programa do XI Congreso das Academias Xurídicas de Iberoamérica, que se celebrou entre o 23 e o 26 de outubro na República Dominicana. Alí déronse citaron numerosos xuristas dun e outro lado do Atlántico para debater sobre temas tan diversos como a “Eficiencia xudicial e democracia”, “Arbitraxe internacional”, a “Axenda Académica no século XXI” ou a “Intelixencia Artificial e a avogacía”, os catro paneis de traballo principais deste encontro académico.

 

Seoane Spiegelberg participou na mesa de discusión do primeiro panel sobre “Eficiencia xudicial e democracia” que tivo lugar o día 24 e que abriu coa ponencia de Henry Molina, xuíz presidente da Suprema Corte de Xustiza da República Dominicana. Pola súa banda, o académico de número e catedrático de Dereito da UDC Domingo Bello Janeiro foi un dos participantes da mesa de discusión sobre “Intelixencia artificial e avogacía”. O académico correspondente e director da ERLAC Jesús Vázquez Forno foi un dos integrantes da mesa titulada “Europa, EEUU e a alianza da posguerra: os desafíos xurídicos nun contexto internacional cambiante” e o tamén académico correspondente e letrado da Xunta de Galicia Luis Vázquez Forno, na mesa “Academias ante os perfís,  valores e compromisos da avogacía emerxente”.

 

Renovación de cargos e por primeira vez, dúas mulleres na súa comisión executiva

 

Este foro, un dos máis relevantes para o intercambio do coñecemento xurídico e a cooperación académica internacional, foi organizado polas Academias dominicana e Portorriqueña de Xurisprudencia e Lexislación. Nese marco reuniuse ademais o Consello de Delegados da Conferencia Permanente de Academias Xurídicas Iberoamericanas para proceder á renovación dos seus cargos. Así, e despois de anos de fructífero traballo, abandonou a presidencia Rafael Navarro-Valls, vicepresidente da RAGXEL de España, catedrático emérito e profesor de honra da Facultade de Dereito da Complutense de Madrid, para coller a testemuña o presidente da Academia de Porto Rico, Antonio García Padilla, quen dirixirá a institución ata o 2028. Pola súa banda, dúas mulleres académicas, a chilena Marisol Peña Torres e a sevillana María del Amor Albert Muñoz fan historia ao entrar na Comisión Executiva da institución. Navarro-Valls, ao que todos os presentes agradeceron o labor desenvolvido estes anos, foi nomeado presidente de Honra da CPAJI.

Congreso AJ iberoamericana-2 Congreso AJ iberoamericana

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies