Excmo. Sr. D. JOSÉ RICARDO PARDO GATO

Excmo. Sr. D. JOSÉ RICARDO PARDO GATO (Medalla nº 13)

Tomou posesión o 14.04.23

gatopardo

Nomeado Académico de Número Electo o 26.12.2022
Tomou posesión o 14.04.2023

Discurso pronunciado no seu ingreso:
“O CAMIÑO DE SANTIAGO NA LEXISLACIÓN GALEGA E NA XURISPRUDENCIA”

Resposta pronunciada polo Excmo. Sr. D. JESÚS PALMOU LORENZO

José Ricardo Pardo Gato, naceu na Coruña, o 10 de xuño de 1970.

Cursou os seus estudos iniciais no Colexio Santo Domingo da Coruña e licenciouse en Dereito pola universidade desta cidade en 1994, onde se diplomou en Estudos Avanzados coa cualificación de sobresaínte. Doutor en Dereito cum laude polas universidades de Deusto, ICADE e ESADE, a súa tese de doutoramento acadou o accésit do Premio Internacional de Ensaio “Camiño de Santiago”. Cursou máis de doce másteres e cursos de posgrao, entre eles, a Diplomatura de estudos da Defensa Nacional ou o Curso superior de dereito civil de Galicia.

Tras realizar o servizo militar e licenciarse con Diploma de Honra, incorporouse en 1995 ao Colexio de Avogados da Coruña, desenvolvendo a súa actividade como letrado en diferentes despachos de Galicia. Paralelamente, desde 1997 e ata 2003, gozou de diversas bolsas de estudo e investigación da Xunta de Galicia e da Escola Galega de Administración Pública, onde coordinou a obra colectiva A Lei de Administración Local de Galicia (Xunta de Galicia, 1998).

A partir de 2004 pasa a formar parte do grupo de investigadores do Arquivo Catedralicio Compostelán, e publicou desde esa data distintos traballos sobre a peregrinación xacobea, en particular no relativo aos seus aspectos históricos e xurídicos.

Cabaleiro da Orde do Camiño de Santiago e Académico de Honra da Academia Xacobea, o seu discurso de ingreso como numerario da Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación versou sobre esta temática e foi contestado polo Presidente da Academia Xacobea, e membro da dita Real Academia, Jesús Palmou Lorenzo; isto despois de ser nomeado Académico de Número Electo no Pleno de Académicos de Número da Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación, celebrado o día 26 de decembro de 2022, para ocupar a vacante na Medalla 13 da Corporación, polo falecemento do Académico José Manuel Liaño Flores. A súa candidatura foi presentada polos Académicos de Número Julio Padilla Carballada, Modesto Barcia Lago e Antonio Fernández de Buján y Fernández.

Desde 2005 ten o cargo de Secretario da Sección de Dereito Civil de Galicia do Colexio de Avogados da Coruña. Nese mesmo ano a Fundación Mapfre concédelle unha das súas bolsas de investigación internacionais, estudo que desenvolveu entre 2006 e 2007, e que deu lugar á correspondente monografía.

Entre 2007 e 2009 ocupa o cargo de Secretario Xeral do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA), e desde 2009 é representante para Galicia de Scevola, Asociación Española para a Ética e a Calidade na Avogacía.

En 2007 incorpórase, tamén, aos Colexios de Avogados de Madrid e Barcelona, e conxuga o exercicio da profesión letrada coas súas funcións de árbitro en Dereito da Asociación Galega para a Arbitraxe e do Tribunal Arbitral para a Industria e a Construción (TAIC).

No seu labor docente, ademais de secretario, durante oito anos, do Consello Reitor da Escola de Práctica Xurídica Decano Iglesias Corral, impartiu clases de deontoloxía e de dereito civil e laboral, así como en diversos másteres do IMF Business School e do Instituto Superior de Dereito e Economía (ISDE).

Pronunciou conferencias, relatorios e discursos en multitude de cursos, xornadas e seminarios, así como defendeu relatorios e comunicacións en moi diversos congresos, nacionais e internacionais. En particular, en representación da Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación, foi relator e coordinador do relatorio “Estatuto del Consumidor” no VII Congreso de Academias Xurídicas e Sociais de Iberoamérica e Filipinas (A Coruña, 2010), organizado por esta Real Academia galega. Asemade, presentou comunicacións no relatorio “Derecho Global” deste mesmo congreso, así como nos congresos celebrados en Chile (2012), amais de dúas comunicacións no de Paraguay (2016) e Madrid (2018).

Director de Aprosal, revista da Asociación de Profesionais da Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, e coordinador de Foro Galego, revista xurídica máis antiga de Galicia, que edita esta academia xunto co Colexio de Avogados da Coruña e a Universidade da Coruña, é tamén membro do consello de redacción de Economist&Jurist, da Revista de Dereito da Cultura e da Revista Xeral de Dereito Romano.

É autor de máis de trinta libros, entre monografías, biografías, ensaios, dicionarios, formularios e comentarios de xurisprudencia e lexislación, coautor doutros tantos libros colectivos e de máis de cen artigos, publicados nas revistas máis prestixiosas. As súas obras foron prologados por importantes personalidades, como Antonio Garrigues Walker, Manuel Fraga Iribarne, Paolo Caucci von Saucken, Nielson Sánchez Stewart, Luís Martí Mingarro, Eugenio Gai Montalvo, Carlos Carnicer ou a ministra Margarita Robles.

Conseguiu máis de vinte premios de investigación, tras presentarse a concursos. Entre os internacionais son de salientar: o Primeiro Premio García Goyena da UNED, o Premio A Lei, o Premio Xurídico Internacional ISDE ou o Economist&Jurist; en canto aos nacionais: o Estanislao de Aranzadi, o Maxistrado Ruiz Vadillo ou o Scevola; entre os autonómicos: o Premio Manuel Colmeiro de Administración Pública de Galicia, o Amando Losada do Consello da Avogacía Galega ou o Premio á Investigación de Galicia da Deputación de Pontevedra; ademais dos obtidos nos Colexios de Avogados de Madrid, o San Raimundo de Peñafort de Murcia, o Otrosí de Vigo, o Liaño Flores da Coruña ou dúas veces o Premio Memorial Degà Roda i Ventura do Colexio de Avogados de Barcelona.

Obtivo premios de fotografía e de literatura e ensaio, como o Premio Fernando Arenas e os accésits do Premio Manuel Murguía e do Premio Internacional de Ensaio Camiño de Santiago.

Está en posesión da Cruz ao Mérito no Servizo da Avogacía, da Cruz de Honra da Seguridade e Saúde Laboral, e da Medalla de Ouro ao Mérito Profesional das Relacións Industriais e as Ciencias do Traballo. Amasi foi distinguido co Premio internacional á excelencia na práctica xurídica e co Premio ao Mellor Avogado de España en Dereito Administrativo polo diario La Razón.

No ámbito militar, é Embaixador da Marca Exército e capitán RV, tendo sido recoñecido como Mellor Reservista Voluntario de Galicia pola Delegación de Defensa en Galicia. Designárono Furriel de Honor da Forza Loxística Operativa, Cabaleiro Azor da Brigada “Galicia” VII (BRILAT), Zapador Honorífico do Batallón de Zapadores VII e Boina Verde da Brigada Loxística, e foi condecorado coa Medalla ao Mérito da Real Irmandade de Veteranos das Forzas Armadas e da Garda Civil.

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies