CONFERENCIA DE JULIO PICATOSTE BOBILLO. O maxistrado urxiu este cambio no alto Tribunal, na liña en que xa resolven outros tribunais
JULIO PICATOSTE BOBILLO AVOGA POR UNHA RECTIFICACIÓN URXENTE DA XURISPRUDENCIA DO SUPREMO NO RECOÑECEMENTO DO DANO MORAL AO PAI NOS CASOS DE ATRIBUCIÓN AO MESMO DA FILIACIÓN DO FILLO FROITO DAS RELACIÓNS EXTRAMATRIMONIAIS DA ESPOSA
De izq. a dcha.: Julio C. Picatoste Bobillo, Fernando Suanzes Pérez, José Luis Seoane Spiegelberg y Miguel Ángel Pérez Álvarez
Nos últimos anos, explicou Picatoste Bobillo na súa conferencia, “o Dereito de danos, rompendo moldes anteriores, especialmente enraizados no dereito anglosaxón, foi facendo acto de presenza efectiva no ámbito das relacións familiares en relación con accións ou condutas causantes dun dano efectivo”
A Coruña, 6 de xuño de 2022.- “Tanto a doutrina científica como os pronunciamentos xudiciais recoñecen hoxe o dereito para esixir responsabilidade civil debida a danos causados, dolosa ou culposamente, entre membros do núcleo familiar”, explicou o maxistrado Julio Picatoste Bobillo na conferencia impartida na RAGXEL sobre “Responsabilidade civil no ámbito do Dereito de Familia”, na que abordou a cuestión da responsabilidade civil por dano moral nos casos de fraudulenta atribución ao marido da filiación do fillo nado de relacións extramatrimoniais da esposa, con ocultación da verdadeira paternidade”.
O relator -académico numerario en posesión da Medalla Nº 34 da Real Academia Galega de Xurisprudencia- aludiu ao dano moral, sinalando que “unha das hipóteses máis frecuentes e conflitivas é a da responsabilidade civil derivada do dano causado ao marido por esa atribución dunha filiación allea”, para explicar que mentres as resolucións dos tribunais vanse orientando en sentido favorable ao recoñecemento da existencia dun dano moral resarcible económicamente, e esa evolución é clara nos pronunciamentos das Audiencias Provinciais, non ocorre o mesmo co máis Alto Tribunal.
O Tribunal Supremo mantense nunha liña xurisprudencial enormemente restritiva que está necesitada dunha rectificación urxente, defendeu Julio Picatoste Bobillo, insistindo en que nos últimos anos o Dereito de danos, rompendo moldes anteriores especialmente enraizados no dereito anglosaxón foi facendo acto de presenza efectiva no ámbito das relacións familiares en relación con accións ou condutas causantes dun dano efectivo.
ELECCIÓN DE NOVOS ACADÉMICOS DE NÚMERO
Antes da conferencia, o pleno de académicos e académicas de número da RAGXEL elixiu o Fiscal Superior de Galicia, Fernando Suánzes Pérez como novo Académico de Número para ocupar a vacante da Medalla nº 18. A súa candidatura foi presentada polos académicos Julio Padilla Carballada, Luís Rodríguez Ennes e Domingo Bello Janeiro.
O plenario acordou tamén o ingreso de de Lourdes Carballo Fidalgo, Decana do Ilustre Colexio de Avogados de Vigo,como Académica de Número para ocupar a vacante da Medalla nº 21. A súa candidatura foi presentada polos académicos/as Modesto Barcia Lago, Consuelo Castro Rey e Julio César Picatoste Bobillo.